UXÍA

Bio

Nacida en Sanguiñeda (Mos) en 1962, Uxía comezou a cantar moi nova, mesturando desde o comezo as súas propias composicións con músicas populares e as súas palabras coas letras do cancioneiro galaicoportugués e da poesía galega contemporánea.

 A súa carreira comeza oficialmente en 1985, cando gaña o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois, publica un primeiro disco, Foliada de Marzo(Edigal, 1986), que recolle a súa querencia pola música popular e pola lírica galaico-portuguesa e que acada unha enorme notoriedade. Un ano máis tarde, Uxía intégrase no grupo Na Lúa, co que gravará dous discos, A Estrela de Maio (Edigal, 1987) e Ondas do Mar de Vigo (GASA, 1989), que obterá o Premio Galego da Crítica e percorrerá moitos escenarios. Xuntos, viaxaron con Os Resentidos na xira “O son da língua”.

Coa nova década, Uxía retoma a súa carreira en solitario con Entre Cidades (Sons Galiza, 1991), un paseo emocional polas cidades do mundo en clave literaria co que achega aires pop e un certo sabor urbano á súa discografía.

 A mediados dos noventa, dá un paso decisivo na súa carreira discográfica con Estou Vivindo no Ceo (Nubenegra, 1995), producido polo multiinstrumentista portugués Júlio Pereira. Trátase dun traballo sereno e intimista que ofrece unha ollada renovada sobre a música tradicional galega e que contén algún dos seus temas máis coñecidos, como o “Alalá das mariñas” ou “A laranxa”. Éxito de crítica, nacional e internacional, Estou Vivindo no Ceo é considerado un dos mellores discos da década polas radios públicas europeas. Editouse en Europa, EEUU e Canadá e levou a Uxía na súa primeira xira internacional, primeiro por Europa (Alemania, Austria, Italia, Escocia) e, pouco despois, por Cuba e Arxentina.

 Despois de participar en media ducia de proxectos colectivos, grava La Sal de la Vida (Nubenegra, 1997), xunto a Rasha (Sudán), María Salgado (Castela) e Xesús Pimentel. Trátase dun proxecto de fusión entre a música galega, sudanesa, castelá e o flamenco co que xiran por toda a penínsua ibérica. Co novo século Uxía publica Danza das Areas(Yerbabuena-Virgin Records, 2000), un disco fundamentalmente composto por ela. Trátase dunha complexa proposta musical producida polo pianista galego Nani García e na que participan máis de 40 músicos e voces, entre os que destacan Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, María del Mar Bonet, Karen Matheson, Donald Shaw (Capercaillie), Michael McGoldrick, Joâo Afonso, Susana Seivane ou Quim Fariña.

 Cantos na Maré (Nordesía, 2005) é un proxecto cultural pioneiro no estado español, que a través da lingua e da música traza un mapa común entre os territorios da lusofonía que comparten raíces que artistas como Chico César, Filipa Pais ou Manecas Costa.

 O seu quinto disco en solitario faise agardar. Eterno Navegar (World Village-Harmonia Mundi, 2008) é un disco de autora, un traballo de madurez vital e artística co que Uxía consigue, da man de Paulo Borges e dunha banda de músicos galegos, africanos e portugueses, que as raíces máis galegas convivan cos cantos portugueses e africanos dun xeito natural, innovador e vangardista. Contou co colaboración de Sara Tavares e Zeca Medeiros e, con el, Uxía viaxa unha vez máis pola península ibérica, por Latinoamérica e por Europa. Ademais de manter unha prolífica carreira musical en solitario e de colaborar en ducias de proxectos alleos, Uxía produce, escribe e compón cancións para os primeiros traballos discográficos de Emilio Rúa, Cantareiras do Berbés, Malvela e a Señora Carmen e para O nena e o Grilo. Os seus temas están tamén recollidos en máis dunha ducia de compilacións nacionais e internacionais.