Uxía é considerada a gran dama da música galega. Nos seus case 40 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros.
Dende a súa estrea con *Foliada de marzo* en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris.
Publicou 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independente de España por *Meu canto*, seleccionado tamén como *Top of the World* pola revista británica *Songlines*. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía *Cantos na maré*.
BIOGRAFÍA
Uxía naceu en Sanguiñeda (Mos) en 1962 nunha familia moi musical e comezou a cantar dende moi nova, participando en diferentes formacións locais (como a Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño) ou como solista e compositora. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, onde coñece en profundidade a nosa literatura e as nosas raíces musicais. A súa carreira comezou oficialmente en 1985, cando gañou o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco despois, o grupo *Na Lúa*, un dos grandes referentes do folk galego, produce o seu primeiro disco, *Foliada de marzo* (Edigal, 1986), que recolle a súa querencia pola música popular e a lírica galego-portuguesa. Un ano máis tarde, Uxía intégrase no grupo *Na Lúa*, co que percorre moitos escenarios e grava dous discos, *A estrela de maio* (Edigal, 1987) e *Ondas do mar de Vigo* (GASA, 1989), que obtén o Premio Galego da Crítica.
Na década dos noventa retoma a súa carreira en solitario coa axuda de X. Paz Antón (integrante do grupo *Na Lúa*), que produce o seu segundo disco, *Entre cidades* (Sons Galiza, 1991), un paseo emocional polas cidades do mundo en clave literaria. Catro anos despois chega un disco esencial na súa carreira, *Estou vivindo no ceo* (Nubenegra, 1995), producido polo músico e compositor portugués Júlio Pereira, no que ofrece unha ollada renovada sobre a música tradicional galega. Suceso de crítica, nacional e internacional, *Estou vivindo no ceo* é considerado un dos mellores discos da década polas radios públicas europeas. Editouse en Europa, EE.UU. e Canadá e levouna á súa primeira xira internacional; primeiro por Europa (Alemaña, Austria, Italia e Escocia) e, pouco despois, por Cuba e Arxentina.
Con *La sal de la vida* (Nubenegra, 1997) ofrece un canto á diversidade xunto a Rasha (Sudán) e María Salgado (Castela) coa guitarra flamenca do galego Cuchús Pimentel como elemento integrador. Tres anos despois, publica *Danza das areas* (Yerbabuena-Virgin, 2000), unha complexa proposta musical producida por Nani García na que participan máis de 40 músicos e voces, entre os que destacan Dulce Pontes, María del Mar Bonet, Budiño, Karen Matheson, Donald Shaw (Capercaillie), Michael McGoldrick, Susana Seivane, Filipa Pais ou João Afonso.
Nesta época comeza tamén a crear e dirixir aclamados grupos tradicionais, como Cantadeiras do Berbés ou Malvela, para quen produce os primeiros traballos discográficos, ao igual que para a Señora Carmen e, anos máis tarde, para o cantautor galego Emilio Rúa. Sempre comprometida socialmente, foi voceira da plataforma cidadá *Nunca máis* durante a catástrofe do Prestige no ano 2002, e cantou nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf en varias ocasións. No ano 2003 crea un dos seus proxectos máis destacados, o Festival Internacional da Lusofonía *Cantos na maré*, un proxecto cultural pioneiro que traza un mapa común entre os territorios atlánticos a través de música, ritmos e sons que comparten raíces e orixes comúns.
Nel convida anualmente a artistas emerxentes e consagrados de diferentes países lusófonos para crear un espectáculo colectivo no que xa participaron artistas como Chico César, Tito Paris, Carlos do Carmo, Lenine, Sara Tavares, Rui Veloso ou Aline Frazão.
O seu quinto álbum de estudo, *Eterno navegar* (Harmonia Mundi, 2008), incluído entre os mellores na categoría de world music pola BBC, é un disco de autora co que Uxía consegue, da man do pianista e produtor Paulo Borges, que as raíces máis galegas convivan cos cantos portugueses e africanos dun modo natural, innovador e vangardista. Con el, Uxía viaxa unha vez máis pola península ibérica e Latinoamérica, ofrecendo unha serie de concertos en Cuba, Brasil, Arxentina e Uruguai.
A súa conexión coa cultura brasileira fai que nunha das súas viaxes grave o seu sexto álbum, *Meu canto* (Fol Música, 2011), nos estudios da editora Biscoito Fino con Jaime Alem (director musical de Maria Bethânia) como produtor e a dirección musical e os arranxos do multiinstrumentista brasileiro Sérgio Tannus. O álbum, que é unha celebración dos seus 25 anos na música, contén relecturas dalgúns temas históricos da súa carreira xunto con outros inéditos e conta coa colaboración dos músicos brasileiros Lenine, Socorro Lira e Fred Martins. Con el recibiu importantes premios, como o de Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independente de España ou o Premio Opinión á Mellor Artista e Traxectoria de Música Folk, e foi elixido *Top of the World* na prestixiosa revista británica *Songlines*.
Nestes anos, Uxía dirixe diversos proxectos colectivos, como *CoraSons*, un traballo multidisciplinar no que participan máis de 40 artistas do mundo lusófono, como *Couple Coffee*, Carlos Blanco ou António Zambujo. O seu interese por achegar as novas xeracións á música en galego lévaa a producir o disco *A nena e o grilo* (OQO, 2010) con Magín Blanco e a impulsar o proxecto infantil *María Fumaça*, editando *María Fumaça* (Galaxia, 2012) e *Xiqui xoque, fiú fiú!* (Galaxia, 2014). Así mesmo, publica *Rosalía pequeniña* (Galaxia/Sonárbore, 2013), onde adapta a poesía de Rosalía de Castro para os máis pequenos, e *Canta o cuco* (Galaxia, 2015) con Magín Blanco, musicando para o público familiar poemas do escritor Manuel María, a quen tamén lle dedicara *Andando a terra* (Fundación Manuel María, 2012) e *Uxía canta a Manuel María* (Fundación Manuel María, 2015), gravado en directo na Casa-Museo do poeta.
No ano 2015 crea o seu propio selo discográfico, co que autoproduce *Baladas da Galiza imaxinaria* (Damadriña, 2015) xunto ao desaparecido músico e compositor galego Narf. O álbum inclúe reinterpretacións de clásicos de ambos, temas inéditos, poemas musicados de Castelao, Rosalía de Castro ou Federico García Lorca e adaptacións de alalás tradicionais. O proxecto, que combina o son persoal da guitarra eléctrica coa voz e a pandeireta galega, naceu nunha xira por Chile, Uruguai e Arxentina, e levounos a participar na 26ª *Fiesta Nacional del Chamamé* xunto ao grupo Guauchos e tamén á súa primeira xira por EE.UU.
No 2021 gravou un disco co prestixioso cantautor andaluz Javier Ruibal: *De tu casa a la mía*, onde tenden pontes Norte-Sur cantando a Rosalía de Castro e Federico García Lorca con enorme èxito de público e crítica.
Tamén compón ou intervén na banda sonora orixinal de diversos proxectos audiovisuais, como *Rio de sombras*, *Minas*, *Lobos*, *Abrígate*, *Que culpa tiene el tomate*, *Maimiño* e *Frágil equilibrio* e os documentais sobre memoria histórica na provincia de Pontevedra, ambos dirixidos por ela: “Acorda” e “Acordamos”.
Ademais, é un referente para os medios de comunicación galegos. Exerceu como asesora musical do programa semanal *Alalá* da TVG, dirixiu na Radio Galega *Outras músicas* e a sección “A mala de Uxía” no programa que dirixiu Xurxo Souto.
Creou o proxecto ENREDADAS que naceu hai seis anos coa fin de promover, fomentar e difundir o arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas catro extraordinarias voces que revisitan a copla, a jota ou os alalás desde unha ollada feminista e libre e cun peso grande da música galega que interpretan a catro voces ou en duetos.
Teñen en común moito máis do que parece a simple vista.
Todas loitaron por un labor necesario de reconversión da canción popular española, da copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais.
O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense para celebrar a madurez artística das catro.
Comparten tamén a creatividade e o compromiso coa música. Son letristas e amantes da boa poesía, das cancións de onte, de hoxe e de sempre. Rodéanse de grandes músicos e beben directamente da mellor tradición do cancioneiro latinoamericano.
No disco Alalás e Cantigas do Camiño, Uxía reproduce, recrea e actualiza o ambiente de aqueles encontros musicais onde no só había música sacra, senón tamén música tradicional que os peregrinos traían de distintos países de Europa e tamén a música vitalista, colorista e diversa de Compostela, unha torre de Babel sólida como a propia catedral.
Baixo a dirección musical do ‘brasilego’ Sérgio Tannus, o seu fiel parceiro e productor, Uxía interpreta neste disco desde repertorio medieval a novas composicións que contan a experiencia do Camiño e faino coa colaboración de dous músicos fundamentáis que aportan o seu coñecemento e a súa bagaxe musical.
Germán Díaz é un mestre do instrumento protagonista da Ruta Xacobea e un estudioso e virtuoso que revolucionou o mundo da zanfona e que, neste caso, fixo arranxos para alalás tradicionais introducindo tamén a caixa de música.
No 2025 celebrará os seus 40 prolíficos e fructíferos 40 anos na música. Nesta festa tamén haberá espazo para conmemorar os 30 anos de “Estou Vivindo no Ceo”, un álbum que marcou un punto de inflexión na carreira da artista. Este disco é un símbolo do seu espírito innovador e da súa capacidade para reinterpretar as tradicións musicais con frescura e autenticidade.