UXÍA

Cantigas do camiño

Imaxinade as noites de vixilia e de foliada na catedral de Santiago de Compostela, cando despois dos cantos litúrxicos caía a noite e os peregrinos entoaban cantos aprendidos durante o Camiño. Cada grupo na súa propia propia lingua, acompañados por liras, cítaras, arpas, violíns, tímpanos, gaitas ou zanfonas nun ton festivo e con pasos de danza, entre loa e loa.

Uxía reproduce, recrea e actualiza o ambiente de aqueles encontros musicais onde non só  había música sacra, senón tamén música tradicional que os peregrinos traían de distintos países de Europa e tamén a música vitalista, colorista e diversa de Compostela, unha torre de Babel sólida coma a propia catedral.

Baixo a dirección musical do “brasilego” Sérgio Tannus, o seu fiel parceiro e produtor e multiinstrumentalista, Uxía interpreta neste formato desde repertorio medieval a novas composicións que contan a experiencia do Camiño e faino coa colaboración de dous músicos fundamentais que achegan o seu coñecemento e a súa extensa bagaxe musical.

Germán Díaz é un mestre do instrumento protagonista de Ruta Xacobea e un estudoso e virtuoso que revolucionou o mundo da zanfona. Neste caso, fixo arranxos para alalás tradicionais introducindo tamén a caixa de música.

Arturo Vaquero, técnico deste traballo, é un recoñecido produtor musical que foi pioneiro da música electrónica alá polos anos 80 e que envolve a música de ambientes, samplers e sons moi cálidos.

Os alalás, tan protagonistas neste traballo, proveñen do canto gregoriano, segundo a teoría máis extendida entre os musicólogos. Tamén eran cantados polo arrieiros e, moi probablemente, se escoitaban no tramo galego do Camiño.

Do repertorio medieval fan unha versión de “Mandad’hei amigo”, das cantigas de amigo de Martín Códax que se recollen no Pergamino Vindel, símbolo do esplendor da lírica medieval galego-portuguesa e único exemplo conservado de tradición trovadoresca galega que transmite cantigas de amigo xunto coas súas partituras.

O concerto recolle tamén a evocación dos cantos de xúbilo que entoaban os peregrinos á súa chegada a Santiago e que Uxía garda na súa memoria da época na que vivía na Rúa de San Pedro, antesala da Porta do Camiño.

Imáxenes: Miguel Muñiz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *