español | english

Archive for Decembro, 2009

Uxía dirixe unha nova edición de Cantos na Maré

Luns, Decembro 21st, 2009

Uxía con Fred Martins e Raquel Tavares en Cantos na Maré 2009

O sábado 19 de decembro, Pontevedra acolleu a sétima edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía. Como nas seis edicións anteriores, Uxía encargouse da dirección artística do espectáculo. Foi ademais a voz que representou a Galiza nesta cita, na que tamén estiveron Tito Paris (Cabo Verde), Fred Martins (Brasil) e Raquel Tavares (Portugal).

Na presentación desta nova edición do festival, Uxía subliñou que Cantos na Maré volve ter o obxectivo de “reivindicar o esmorecemento urxente desas fronteiras mentais que nos impiden achegarnos máis aos países lusófonos”. Para a directora artística do espectáculo, esta nova “travesía polo atlántico” debe servir para decatarnos de que “temos unha lingua que nos abre posibilidades de comunicarnos sen complexos co mundo”.

E no Pazo de Cultura, todas as barreiras musicais e culturais caeron de contado. As catro voces uníronse nun espectáculo único cunha banda compacta e unha sonoridade moi especial: acordeón (Santi Cribeiro), contrabaixo (Xacobe Martínez), trombón (Ruben Santos) e batería e percusións (Quiné). Todo co piano e a dirección musical de Paulo Borges.

O festival abriuno un ano máis Uxía coa canción “Cantos na maré”, nesta ocasión acompañada por Raquel Tavares. Non sería a súa única colaboracións, xa que acompañou no escenario a Fred Martins en temas como “O Samba me diz”. Uxía sería protagonista de momentos de gran intensidade, como a súa interpretación chea de forza de “Unha noite na eira do trigo” ou a “Danza ritual”, que fixo que o público se erguese dos seus asentos para bailar.

Na quenda dos bises interpretou “A lira”, tema tradicional dos Azores, que conmoveu ao público. Foi a antesala do peche do concerto, de novo co tema “Cantos na maré”, desta volta cos catro artistas no escenario. Foi o peche a unha noite máxica que puideron seguir afeccionados de todo o Estado a través da retransmisión en directo que fixo para Radio 3 de RNE José Miguel López, director do programa Discópolis.

Descargar dossier de prensa

  • Dossier en Galego
  • Dossier en Castelán
  • Dossier en Inglés
  • Fotos en alta resolución
    (Zip. 25M)

  • Estas a ver o arquivo de Uxía do día Decembro, 2009.

  • Arquivo