Uxía comeza o 2009, no que Eterno Navegar está a recibir unha excepcional acollida por parte do público e dos medios de comunicación. A crítica especializada sitúao entre as gravacións máis emocionantes e exquisitas deste ano.
A prestixiosa revista Ritmos del Mundo, dedícalle no seu primeiro número de 2009 unha ampla reportaxe na que subliña a calidade do disco. Juan Calleja, de Zona Musical, refírese á súa maneira de cantar como sublime, “é coma un zume fresco, lixeiro e nutritivo”, e Fernando Neira, crítico de El País, destaca a súa voz cálida e emotiva á procura dunha expresión moito máis esencial, “en efecto, agradecese estar vivo; aínda que só sexa para seguir escoitándoa ”.
A sexta edición de Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía, supón outro grande éxito na traxectoria artística de Uxía, na que sempre está presente a música dos países da lusofonía como unha corrente natural para a súa creación. O seu traballo individual fúndase na constante convivencia, no intercambio e na creación compartida, eixes estes, que tamén forman parte de Cantos na Maré. Deste xeito o proxecto individual e o colectivo fican unidos polo seu talento.
Uxía convidounos a unha emocionante viaxe pola música dos territorios da fala lusófona. Una experiencia que ten convertido a esta artista pioneira e innovadora nun referente na creación de proxectos interculturais. Nesta ocasión, reuniu artistas de destacada traxectoria como Sergio Godinho (Portugal), Sara Tavares (Cabo Verde), Paulinho Moska (Brazil), Waldemar Bastos (Angola) ou Xabier Díaz (Galiza), que conviviron durante varios días para crear un espectáculo irrepetible. Mais, na filosofía de CNM está descubrir novos valores. Manecas Costa (Guinea Bissau) e Xabier Díaz (Galiza), déronse a coñecer na primeira edición e son un claro exemplo da capacidade de Uxía para descubrir novos talentos.
É longa a listaxe de artistas de distintas procedencias que teñen compartido escenario baixo a dirección artística dunha Uxía capaz de xerar vínculos de unión, impulsando o nacemento de excepcecionais propostas. O espectáculo é o resultado dun coidado traballo previo da dirección artística e musical. Uxía e Paulo Borges forman un tándem perfecto e xa teñen demostrado o seu nivel de altísima calidade e proxección internacional, unindo músicos e compositores de forte personalidade.
O CD da primeira edición Cantos Na Maré é unha xoia musical, onde Chico César e a excelente banda transmiten a forza do directo. Aí deuse a coñecer unha nova sonoridade, universal, fresca e con identidade.
Comprometida social e culturalmente co seu país, integradora, contemporánea e arriscada, Uxía apostou dende o inicio polas súas raíces. Traballadora incansable, a pesar dos obstáculos, mantivo os seus obxectivos e a súa coherencia abrindo camiños internacionais para a nosa música. Foi quen de converter unha utopía nunha realidade. Soubo facer do seu nome unha marca inherente á música galega con proxección internacional actualmente recoñecida en todo o mundo.
Profesional e versátil en todas as súas facetas: cantante, produtora, compositora, directora artística, escritora, colaboradora en programas musicais, promotora de proxectos artísticos, colaboradora en discos de outros compositores, Uxía, investiga e traballa para nos ofrecer o mellor de si mesma.
Cantos na Maré e Eterno Navegar, o seu último disco, din moito da maneira que ten Uxía de entender a música e a vida. Estes dous proxectos, que xa son un referente para os críticos musicais, pechan un 2008 decisivo na súa carreira.
www.cantosnamare.org