español | english

“De profecías e revelacións”, por Xurxo Souto

“Era verdade, a palabra, as nosas palabras máis íntimas, onde
situamos o mellor dos afectos, son portas dimensionais que nos enlean
directamente nas emocións de persoas das xeografías máis afastadas.

Brasil, Angola, Azores, Cabo Verde… todos coñeciamos a teoría,
todos soñamos con tal encontro.
Mais tras décadas de debate de salón, ninguén dera atopado o elemento
prodixioso que puidese catalizar tal alquimia.
E chegou Uxía coa pedra filosofal: mesmo máis alá do talento, a amizade.
Eterno Navegar, a ruta fascinante dunha artista que converteu
cada viaxe nun recoñecemento, nunha incitación na intimidade creativa de
músicos de todas as ribeiras.
A amizade, esa forza subversiva é quen de iluminar un novo espazo líquido
-que é auga de Brasil, Angola, Azores, Cabo Verde..; e que ao tempo é un océano
sen límites, moito máis grande que Brasil, Angola, Azores e Cabo Verde xuntos-,
un espazo líquido para nos mollar ata a cerne.
A música galega foi berro, un lampo de luz a anunciar que (re)-existimos.
Agora Uxía inventa o futuro con este disco-manifesto:
Pobos do planeta, valaquí estamos vivas e creativas, unha cultura chantada
no centro do océano, que devece por acollervos e remexer co voso talento.
Queremos facer máis feliz ao mundo coa riqueza da nosa identidade”,
a profecía de Luis Seoane virouse revelación.
Uxía -morna, lira, forró - tras viaxar polos mares todos, condúcenos
de arribada -cheos de sabedoría- ao cais da orixe: “Unha noite na eira
do trigo”. E entón, descubrimos a alegría do reencontro! que a canción
da tribo era, en rigor, un camiño no Atlántico. Alicerces de auga, cen
anos agardando polo amor desta artista, para construír xuntos un
eterno navegar.”
Xurxo Souto

Identificación | Uxía, gerido com WordPress
Entries (RSS) and Comments (RSS).