español | english

Uxía Trío en Salceda e Salvaterra

01 de Setembro de 2010

Este verán Uxía está a percorrer Galicia cun novo formato no que aposta polas distancias cortas e os sons máis íntimos. Uxía Trío é unha proposta na que a súa voz cobra máis protagonismo que nunca acompañada da guitarra e o cavaquiño do brasileiro Sérgio Tannus e a guitarra do uruguaio Alejandro Luzardo.

Os que esta fin de semana se atopen polo sur de Galicia teñen dúas novas oportunidades de ver e escoitar a Uxía en concerto acústico. A primeira será o sábado 4 de setembro ás 22.45 horas na fortaleza de Salvaterra, dentro da programación do XXIV Festival da Poesía do Condado. Ao día seguinte, domingo 5, Uxía Trío actúa ás 21 horas no Auditorio de Salceda de Caselas, poñendo a nota musical á Festa dos Callos desta localidade.

Nos concertos soarán algúns dos temas máis representativos dos 25 anos de carreira de Uxía, así como pezas do seu último disco, Eterno navegar, como “Nalgures”.


Uxía en Monforte

13 de Agosto de 2010

Uxía escribe e interpreta a música desde o máis fondo do ser, da alma. Lévao facendo desde 1986, cando comezou a súa carreira artística. Neste 2010 celebra 25 anos no escenario, que a converteron nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.

Agora Uxía chega a Monforte para actuar dentro das festas de verán desta localidade. Será o sábado 14 de agosto ás 0.30 h na praza da Compañía. Os encargados de axudar a Uxía a trasladar ao directo a delicada instrumentación e a variedade de sonoridades do disco Eterno navegar serán nesta ocasión o cuarteto formado por Paulo Borges (piano), Xan Pampín (acordeón), Xacobe Martínez (contrabaixo) e Quiné (batería).


Uxía Trío en Arteixo

22 de Xullo de 2010

uxia_trio1

Uxía actúa este sábado 24 de xullo en Arteixo, dentro da programación da Noite de Folk da vila. Alí estará no seu formato trío, acompañada do brasileiro Sergio Tannus á guitarra e o cavaquiño e do uruguaio Alejandro Luzardo á guitarra. Ás 23 horas na praza do Balneario, ofrecerán un concerto acústico no que a destreza ás cortas de Tannus e Luzardo ilumina a voz sen artificios de Uxía, que cobra todo o protagonismo. Xunto con temas do disco Eterno navegar, no concerto soarán algunhas das cancións máis representativas dos 25 anos de carreira de Uxía e outras sorpresas e novidades.

Así soaba o tema “Berenguela” no concerto de presentación do disco Eterno navegar:


Uxía Trío en Lugo

08 de Xullo de 2010

entre-lusco

Uxía estará o 14 de xullo en Lugo, dentro do ciclo “Entre Lusco e Fusco”, do programa Lugo Cultural. Presentarase no seu novo formato trío, no que coa compañía do brasileiro Sergio Tannus á guitarra e o cavaquiño e do uruguaio Alejandro Luzardo á guitarra, propón un concerto íntimo no que a voz sen artificios de Uxía cobra protagonismo. Un acústico no que, xunto con temas do disco Eterno navegar, soarán algunhas das cancións máis representativas dos 25 anos de carreira de Uxía e outras sorpresas e novidades.

A cita será o vindeiro mércores 14 ás 21 horas no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro. En caso de chuvia, o concerto trasladarase ao Auditorio Gustavo Freire.


Uxía en Valencia

24 de Maio de 2010

uxia2

Uxía viaxa a Valencia para ofrecer dous concertos acompañada polo guitarrista brasileiro Sergio Tannus e máis o guitarrista uruguaio Alejandro Luzardo. As citas son o mércores día 26 de maio ás na sala de Actos da CS CC.OO.-PV, dentro das xornadas Diversidad cultural y nuevos espacios sociolaborales, e o xoves día 27 ás 20.30h na sala Color Elefante. Un concerto de pequeno formato que explora a versatilidade das guitarras para acompañar a incomparable voz de Uxía. Un acústico no que, ademais dos temas do Eterno Navegar, haberá versións dalgúns dos temas máis representativos dos 25 anos de carreira de Uxía e algunhas sorpresas e novidades.

Uxía fala da súa proposta con Paco Valiente en Los Sonidos del Planeta Azul. Non vos perdades a entrevista.


Uxía en Rianxo

20 de Maio de 2010

Este sábado, día 22 de maio, Uxía levará o seu Eterno Navegar ao Auditorio Municipal de Rianxo nun concerto que se enmarca no programa Xacobeo Raíces e no que tamén participará Leilía. O evento comezará ás 21h e é gratuíto. As persoas interesadas en asistir poden retirar as entradas no propio Auditorio de Rianxo ese mesmo día a partir das 19h. Haberá un máximo de 2 entradas por persoa, que se outorgarán por rigurosa orde de chegada, xa que o aforo é moi limitado.

Uxía é a voz de referencia na canción galega dende hai máis de 20 anos e, neste tempo, non parou no seu afán por renovar a música tradicional e por aproximala a outras culturas. O seu último traballo é froito da continua busca de novos horizontes desta cantante e compositora. Nel, as raíces galegas conviven cos cantos portugueses e africanos de maneira natural, innovadora e vangardista. O resultado son quince temas cun estilo moi persoal, que percorre as sonoridades atlánticas, fundindo o fado, o alalá ou a morna.

Eterno Navegar
é unha proposta de autora no que conviven letras propias con poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Marica Campo. É un traballo de madurez vital, repleto de sensibilidade, que amosa abertamente a plenitude serena da artista, para quen “a música, a arte e a vida son un todo e, medrar, un eterno navegar”.

O son e os arranxos de Paulo Borges, a voz de Uxía e o traballo conxunto dunha banda excepcional formada polo propio Paulo Borges no piano, Santi Cribeiro co acordeón, Xacobe Martinez co contrabaixo, Quiné na batería, Jon Luz co cavaquinho e Rúben Santos co trombón conseguen, ademais, que o directo reflicta a forza que transmite o disco, considerado pola crítica internacional como “único”, “rebuldeiro” e “cheo de deliciosas sorpresas”. As poucas persoas afortunadas que asistan ao concerto do sábado en Rianxo, poderán testemuñalo.

Leilía
Leilía son un grupo de seis mulleres que a finais do 89 decidiron dar a coñecer a música tradicional galega ao son de pandeiretas e voces. Ao longo destes 20 anos de camiño levan publicados diferentes traballos: “Leilía”, “I é verdade i é mentira”, “Madama”, “Son de Leilía” e teñen colaborado con artistas da talla de Kepa Junquera, Milladoiro, Bleizi Ruz, Emilio Cao, Os Diplomáticos de Monte Alto, Budiño, entre outros. Tamén colaboraron nas bandas sonoras de Fisterra e A Rosa de Pedra. Este espectáculo é un repaso á vida musical de Leilía. Unha viaxe no tempo que nos leva dende a vertente máis tradicional ata a máis actual do grupo. Enriba do escenario seis mulleres, seis pandeiretas, seis voces: as de Leilía.

UXÍA + LEILÍA Cantigas do Camiño _ Xacobeo Raíces
Rianxo / 22 de maio / Auditorio Municipal / 21 h.

Máis información
Fotos de Uxía en Brasil
Máis vídeos da presentación do disco en Compostela


Cores do Atlántico

14 de Maio de 2010

Cores do Atlantico - Reportaxe from Casa de Tolos on Vimeo.

Uxía participa esta noite, xunto con Margareth Menezes, João Afonso, Teresa Paiva, Socorro Lira e Eneida Marta no concerto de presentación do proxecto Cores do Atlántico que terá lugar na Illa de San Simón e que poderá ser seguido en directo a través da web www.coresdoatlantico.com.

Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. O libro está ilustrado por Quique Bordell. No enfoque musical, a cantautora brasileira Socorro Lira aborda unha lectura contemporánea da melodía das cantigas integrando as sonoridades galegas, portuguesas, africanas e, especialmente, brasileiras; espazos que comparten o patrimonio cultural da lírica galego-portuguesa. Para facelo, Socorro Lira reúne voces tradicionais como as das Cirandeiras de Caiana de Crioulos xunto as colaboracións de Margareth Menezes-a Maga e Cida Moreira. Desde África, a guineana Eneida Marta achega a súa cálida voz asociada aos ritmos de Guiné Bissau como o Gumbé, a Morna ou a Singa. João Afonso e Teresa Paiva introducen a expresión portuguesa e a sonoridade da gaiteira do Porto. En Galicia, son as voces de Leilía e Uxía as que recrean as cantigas que noutrora cantaron as mulleres neste territorio de orixe da lírica medieval galego-portuguesa.

+ información: www.coresdoatlantico.com


Sereas xunta 7 voces fundamentais da música galega actual no teatro Rosalía de Castro

02 de Marzo de 2010

sereas_portada_def

Uxía participa este domingo, día 7 de maio, ás 7 do serán no espectáculo Sereas, que recolle a creación feminina de 7 nomes fundamentais das voces galegas da actualidade e, con elas, propón un percorrido pola presenza da muller galega na música e unha reflexión sobre a súa invisibilidade histórica. O evento terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e contará coa presentación de Yolanda Castaño e coas actuacións de Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Silvia Penide e Sonia Lebedynski, ademais da propia Uxía.

Sereas propón un percorrido pola presenza da muller galega na música e unha reflexión sobre a súa invisibilidade histórica. Hoxendía, a música galega ten nome de muller e non se podería entender sen citar estes nomes, entre algúns outros que foron faro e luz para o camiño (Pilocha, Maria Manuela, etc). Estas mulleres-peixe sulcaron moitos mares para recalar na cidade de A Coruña que as ten acollido como nacidas ou adoptadas nalgún momento das súas vidas. Elas teñen o feitizo das sereas. Os seus cantos teñen acento propio e, en moitos casos son ben explícitos á hora de retratar á muller de hoxe, os seus desexos e a loita por lograr a igualdade en todos os terrenos. Tamén queren contribuir á consolidación de modos comúns de sentir e exercer a vida, realzando coincidencias e matices. Achegan á música toda a súa fortaleza como depositarias da palabra cantada na música tradicional á que acrecentan a súa identidade como creadoras.

Con este espectáculo, pretenden amosar o inmenso potencial creativo das sucesivas xeracións de cantoras e escritoras que as precederon e que usaron a nosa lingua e expresaron sen complexos os seus sentimentos máis profundos.

Sereas é un punto de encontro, un xeito concreto de achegarnos e de apostar pola creación colectiva, pola comunicación e polo coñecemento entre as mulleres que transitamos pola música deste país.


Uxía participa nun disco de compositoras brasileiras

01 de Marzo de 2010

compositoras

Uxía participa no proxeto Compositoras, unha iniciativa brasileña que reflexiona sobre o talento da muller como creadora musical no contexto da música popular brasileña. Cristina Saraiva, Etel Frota, Simone Guimarães e Socorro Lira son catro compositoras de diferentes rexións do Brasil, con diferentes historias, experiencias e influencias musicais e, porén, unidas pola sensibilidade e pola habilidade na arte da composición. Uxía participa no CD, que se presenta o día 7 de marzo en Sao Paulo, acompañando a Saraiva no tema “Miragem”.

O resultado da unión de estas e outras artistas como Luhli, Lucina, Ceumar, Clarisse Grova, Lucila Novaes, Ana Cascardo, Cris Lemos, Carla Visi ou Irah Caldeira é un disco dunha diversidade rítmica e melódica sorprendente, unha importante contribución á MPB de cada Canto do Brasil.

+ info na web de Verdes Trigos


Uxía dirixe unha nova edición de Cantos na Maré

21 de Decembro de 2009

Uxía con Fred Martins e Raquel Tavares en Cantos na Maré 2009

O sábado 19 de decembro, Pontevedra acolleu a sétima edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía. Como nas seis edicións anteriores, Uxía encargouse da dirección artística do espectáculo. Foi ademais a voz que representou a Galiza nesta cita, na que tamén estiveron Tito Paris (Cabo Verde), Fred Martins (Brasil) e Raquel Tavares (Portugal).

Na presentación desta nova edición do festival, Uxía subliñou que Cantos na Maré volve ter o obxectivo de “reivindicar o esmorecemento urxente desas fronteiras mentais que nos impiden achegarnos máis aos países lusófonos”. Para a directora artística do espectáculo, esta nova “travesía polo atlántico” debe servir para decatarnos de que “temos unha lingua que nos abre posibilidades de comunicarnos sen complexos co mundo”.

E no Pazo de Cultura, todas as barreiras musicais e culturais caeron de contado. As catro voces uníronse nun espectáculo único cunha banda compacta e unha sonoridade moi especial: acordeón (Santi Cribeiro), contrabaixo (Xacobe Martínez), trombón (Ruben Santos) e batería e percusións (Quiné). Todo co piano e a dirección musical de Paulo Borges.

O festival abriuno un ano máis Uxía coa canción “Cantos na maré”, nesta ocasión acompañada por Raquel Tavares. Non sería a súa única colaboracións, xa que acompañou no escenario a Fred Martins en temas como “O Samba me diz”. Uxía sería protagonista de momentos de gran intensidade, como a súa interpretación chea de forza de “Unha noite na eira do trigo” ou a “Danza ritual”, que fixo que o público se erguese dos seus asentos para bailar.

Na quenda dos bises interpretou “A lira”, tema tradicional dos Azores, que conmoveu ao público. Foi a antesala do peche do concerto, de novo co tema “Cantos na maré”, desta volta cos catro artistas no escenario. Foi o peche a unha noite máxica que puideron seguir afeccionados de todo o Estado a través da retransmisión en directo que fixo para Radio 3 de RNE José Miguel López, director do programa Discópolis.


« Older Entries

Identificación | Uxía, gerido com WordPress
Entries (RSS) and Comments (RSS).