BIOGRAFÍA (gal.)

Uxía é considerada a grande dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás (a forma de música tradicional galega máis antiga e característica) con morna, fado e ritmos brasileiros. Desde a súa estrea con Foliada de marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das suas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris.

Publicou 12 discos, polos que recebeu importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio a Mellor álbum de música de raíz nos Premios de la música independiente de España por Meu canto, seleccionado tamén como Top of the World pola revista británica Songlines. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía, Cantos na maré.

BIOGRAFÍA 

Uxía nace en Sanguiñeda (Mos) en 1962 nunha familia moi musical e comeza a cantar dende moi nova, participando en distintas formacións locais (como a Coral Polifónica do C.R.C. de O Porriño) ou como solista e compositora. Cursa estudos de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, onde coñece a fondo a nosa literatura e as nosas raíces musicais. A súa carreira empeza oficialmente en 1985, cando gaña o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois o grupo Na lúa, un dos grandes referentes do folk galego, produce o seu primeiro disco, Foliada de marzo (Edigal, 1986), que recolle a súa querencia pola música popular e a lírica galaico-portuguesa. Un ano máis tarde Uxía intégrase no grupo Na lúa, co que percorre moitos escenarios e grava dous discos, A estrela de maio (Edigal, 1987) e Ondas do mar de Vigo (GASA, 1989), que obtén o Premio Galego da Crítica.

Na década dos noventa retoma a súa carreira en solitario coa axuda de X. Paz Antón (integrante do grupo Na lúa), que produce o seu segundo disco, Entre cidades (Sons Galiza, 1991), un paseo emocional polas cidades do mundo en clave literaria. Catro anos despois chega un disco esencial na súa carreira, Estou vivindo no ceo (Nubenegra, 1995), producido polo músico e compositor portugués Júlio Pereira e no que ofrece unha ollada renovada sobre a música tradicional galega. Éxito de crítica, nacional e internacional, Estou vivindo no ceo é considerado un dos mellores discos da década polas radios públicas europeas. Editouse en Europa, EE. UU. e Canadá e lévaa a súa primeira xira internacional; primeiro por Europa (Alemania, Austria, Italia e Escocia) e, pouco despois, por Cuba e Arxentina.

Con La sal de la vida (Nubenegra, 1997) ofrece un canto á diversidade xunto a Rasha (Sudán) e María Salgado (Castela) coa guitarra flamenca do galego Cuchús Pimentel como elemento integrador. Tres anos despois, publica Danza das areas (Yerbabuena-Virgin, 2000), unha complexa proposta musical producida por Nani García na que participan máis de 40 músicos e voces, entre os que destacan Dulce Pontes, María del Mar Bonet, Budiño, Karen Matheson, Donald Shaw (Capercaillie), Michael McGoldrick, Susana Seivane, Filipa Pais ou João Afonso.

elmundo

Nesta época comeza tamén a crear e dirixir a aclamados grupos tradicionais, como Cantadeiras do Berbés ou Malvela, para quen produce os primeiros traballos discográficos, ao igual que para a Señora Carmen e, anos máis tarde, para o cantautor galego Emilio Rúa. Sempre comprometida socialmente, é voceira da plataforma cidadá Nunca máis durante a catástrofe do Prestige do ano 2002, e canta nos campamentos de refugiados saharauis en Tinduf en varias ocasións. No ano 2003 crea un dos seus proxectos máis destacados, o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na maré”, un proxecto cultural pioneiro que traza un mapa común entre os territorios atlánticos a través de música, ritmos e sons que comparten raíces e orixes comúns. Nel convida anualmente a artistas emergentes e consagrados de diferentes países lusófonos para crear un espectáculo colectivo no que xa participaron artistas como Chico César, Tito Paris, Carlos do Carmo, Lenine, Sara Tavares, Rui Veloso ou Aline Frazão.

cantos

O seu quinto álbum de estudio, Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008), incluido entre os mellores na categoría de world music pola BBC, é un disco de autora co que Uxía consigue, da man do pianista e produtor Paulo Borges, que as raíces máis galegas convivan cos cantos portugueses e africanos dun xeito natural, innovador e vangardista. Con el, Uxía viaxa unha vez máis pola península ibérica e Latinoamérica, ofrecendo unha serie de concertos en Cuba, Brasil, Arxentina e Uruguai.

A súa conexión coa cultura brasileira fai que nunha das súas viaxes grave o seu sexto álbum, Meu canto (Fol Música, 2011), nos estudios da editora Biscoito Fino con Jaime Alem (director musical de Maria Bethânia) como produtor e a direción musical e os arranxos do multi-instrumentista brasilego Sérgio Tannus. O álbum, que é unha celebración dos seus 25 anos na música, contén relecturas de algúns temas históricos da súa carreira xunto con outros inéditos e conta coas colaboracións dos músicos brasileiros Lenine, Socorro Lira e Fred Martins. Con el recibiu importantes premios, como o de Mellor álbum de música de raíz nos Premios da música independente de España ou o Premio Opinión a mellor artista e traxectoria de música folk, e foi escollido Top of the World na prestixiosa revista británica Songlines.

foto_verticalNestes anos, Uxía dirixe diversos proxectos colectivos, como CoraSons, un traballo multidisciplinar no que participan máis de 40 artistas do mundo lusófono, como Couple Coffee, Carlos Blanco ou António Zambujo. O seu interese por achegar ás novas xeracións á música en galego lévaa a producir o disco A nena e o grilo (OQO, 2010) con Magín Blanco e a impulsar o proxecto infantil María Fumaça, editando María Fumaça (Galaxia, 2012) e Xiqui xoque, fiú fiú! (Galaxia, 2014). Así mesmo, publica Rosalía pequeniña (Galaxia/Sonárbore, 2013), onde adapta a poesía de Rosalía de Castro para os máis novos, e Canta o cuco (Galaxia, 2015) con Magín Blanco, musicando para o público familiar poemas do escritor Manuel María, a quen lle adicara tamén Andando a terra (Fundación Manuel María, 2012) e Uxía canta a Manuel María (Fundación Manuel María, 2015), gravado en directo na Casa-Museo do poeta.

No ano 2015 crea o seu propio selo discográfico, co que autoproduce Baladas da Galiza imaxinaria (Damadriña, 2015) xunto ao músico e compositor galego Narf. O álbum inclúe reinterpretacións de clásicos de ambos, temas inéditos, poemas musicados de Castelao, Rosalía de Castro ou Federico García Lorca e adaptacións de alalás tradicionais. O proxecto, que combina o son persoal da guitarra eléctrica coa voz e a pandeireta galega, naceu nunha xira por Chile, Uruguai e Arxentina, levounos a participar na 26 Fiesta Nacional del Chamamé xunto ao grupo Guauchos e tamén á súa primeira xira por EE. UU., onde presentaron o seu traballo en institucións como o Getty Museum (Os Ánxeles), Old Town School of Folk Music (Chicago), Museum of International Folk Art (Santa Fe) ou Berklee College (Boston).

narf_bnTamén compón ou intervén na banda sonora orixinal de diversos proxectos audiovisuais, como Río de sombras, Minas, Lobos, Abrígate, Que culpa tiene el tomate, Maimiño e Frágil equilibrio. Ademais, é un referente para os medios de comunicación galegos. Exerceu como asesora musical do programa semanal Alalá da TVG, dirixiu na Radio Galega Outras músicas e a sección A mala de Uxía no programa Aberto por reformas (dirixido por Xurxo Souto), e actualmente e desde o ano 2000 é crítica musical do Diario cultural.

Algunhas das constantes que se poden recoñecer na súa carreira musical son o diálogo entre culturas, a defensa da identidade lingüística, a mestizaxe e a procura dun espacio para a voz da muller. Ao longo da súa traxectoria dirixe numerosos espectáculos protagonizados por mulleres, como Son delas e Sete sereas, e participa en concertos como Mulleres a viva voz, con Amália Rodrigues e María del Mar Bonet, ou no especial de televisión As últimas prima donnas do Canal cultural europeo ARTE, con artistas como Jessie Norman, Noa, Dee Dee Bridgewater e Sheila Chandra. Entre os espectáculos plurais destacan Música per a l’Exili en Barcelona (con Kepa Junkera, Eliseo Parra, Javier Ruibal, María del Mar Bonet ou Sílvia Pérez Cruz), Ida e volta en Bélxica (con Verónica Codesal, de Ialma, e Guadi Galego), Sons da fala ou Sons da lusofonía en Portugal, e en Galicia La tierra del agua, dirixido por Javier Limón e que deu lugar a un disco homónimo con Hip Hop Roots, Leilía e Budiño.

2016 © UXÍA - Damadriña Producións